Saturday 11 de May de 2024

O Entroido de Ordes quenta motores


 

O gran desfile e concurso de disfraces terá lugar o 9 de marzo, Sábado de Piñata, cuxo prazo de inscrición rematará o día 6. Os máis novos e novas terán a súa Tarde de Entroidada o martes día 5
O Concello de Ordes prepárase para vivir un ano máis o Entroido. Este ano o programa arrancará o martes 5 de marzo. Ese día a Tarde de Entroidada encherá a alameda de Ordes de animacións, xogos, obradoiros e baile dende as 16.30 horas ata as 19.30 horas (No caso de chuvia trasladarase ao pavillón Campomaior).
O Sábado de Piñata volverá encher as rúas de Ordes de cor e fantasía. A cita será o 9 de marzo a partir das 17 horas co gran desfile que rematará no Campo da Feira, escenario para o gran concurso de disfraces, carrozas e comparsas no que se repartirán 4.500 € en premios. No caso das carrozas serán dous cheques de 600 e 400 €. No caso das comparsas de persoas adultas serán de 400, 300 e 200 €; mentres que nas infantís serán de 225, 175 e 135 €. Os disfraces individuais adultos optarán a premios de 170, 120 e 90 € e os dos máis novos e novas serán de 100, 80 e 60 €. A todo isto hai que engadirlle un premio simpatía de 150 €, outro de 200 € para a mellor comparsa municipal, así como diversos premios accésits de 1.000 € en total.
Distintas categorías
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 6 de marzo no Departamento de Cultura e Deporte, situado no primeiro andar do mesmo Concello (de 9 a 14 horas). Tamén se pode formalizar a inscrición a través do 981680002. Poderán participar todas as persoas interesadas en calquera das categorías (individual, comparsa e carrozas). O número máximo de integrantes na categoría individual é de cinco persoas, mentres que no caso das comparsas o número mínimo será tamén de cinco integrantes. Cómpre ter en conta que o límite de idade está establecido nos 16 anos para considerarse participante na modalidade adulta. As carrozas non deben ter unha estrutura cunha superficie superior aos 7 m de longo, 3,50 m de ancho e 4 m de alto, sen que exista límite de idade nin número de integrantes.
O Entroido de Ordes é unha das celebracións máis destacadas do calendario municipal, no que cada ano se congregan milleiros de persoas entre público asistente e participantes nas actividades, desfiles e concursos que teñen como escenario principal as rúas e prazas da vila. E todo isto contando co patrocinio de Seguros Reale e Jaime Castro asesores.